Historia

A nosa historia

Prehistoria e Idade Antiga
     O concello de Fornelos conta con restos megalíticos (mámoa de Borraxeiros), neolítico (un túmulo), da Idade de Bronce (petróglifos de Cerdeiras, tapados na actualidade por un recheo) e castrexos (monte da Cidade en Calvos, castro de Castrove en Laxe e monte Castelo en Calvos).

     Hai tamén restos da dominación romana (ponte de Bustelo, reconstruída na Idade Media). O historiador José Montero Aróstegui tivo ocasión de ver aquí unha torre arruinada, "cuyos techos, paredes, puertas y ventanas parecen de arquitectura roma y en una de las ventanas léese la siguiente inscripción: Casa da len y pairte facida por os reyes godos, era Cesaris; y en otra: Chistus Rex venit in pace". As ruínas desta torre situábanse en Vilán, ao igual que un sartego aberto nunha pena e unha sepultura antropoide.

Idade Media

     O territorio estivo en boa parte ligado á casa dos Soutomaior, mesmo no século XVIII dispuñan do Señorío Xurisdicional nas freguesías de Calvos, Fornelos, e parte da de Traspielas. Dado que daquela a freguesía de Verducido (A Lama) era moito máis grande que hoxe en día, incluíndo as freguesías das Estacas e A Laxe, pois o Catastro de Ensenada menciona que o lindeiro oriental de Verducido era Abelenda (Avión) e o meridional Barcia de Mera.

     O lugar de Freaza, aínda que situado en Traspielas, pertencía á xurisdición de Sobroso.

     Fornelos de Montes pagaba 240 reais por dereitos de señorío -que nesta parroquia recibían no nome de "caballerato"-. Verducido pagaba 1.200 reais, facéndoo as antigas familias que repoboaron o seu territorio. A luctuosa era pagada en tódalas freguesías, agás a de Calvos.

Idade contemporánea

     Coa abolición dos señoríos e a chegada da reforma política das Cortes de Cádiz de 1812 constituíuse unha unidade administrativa que abranguía os concellos de Soutomaior e Fornelos, separados en 1869-70. Porén, xa nos períodos de 1812-14 e 1820-23 o concello de Fornelos de Montes estivo separado do de Soutomaior. A unidade consagrouse na reforma efectuada polo Real Decreto de novembro de 1833, debida a Javier de Burgos. Segundo ese decreto, a Xurisdición de Soutomaior abranguía as parroquias de Anceu, Calvos, Barbudo, Estacas, Fornelos, Forzáns, Insua, Laxe, Pazos, Traspielas, Soutomaior, Xesta e Berducido.

     En 1835 a poboación das parroquias de Fornelos era de 670 veciños e 2.305 habitantes (Calvos, 158 veciños e 441 habitantes; Traspielas, 59 veciños e 171 habitantes; Estacas, 65 veciños e 300 habitantes; Fornelos, 340 veciños e 1.176 habitantes; Laxe, 48 veciños e 217 habitantes).

     Segundo o dicionario de Madoz de 1845 había 542 casas, con 636 veciños e 2.722 almas (Calvos, 100, 168 e 441 respectivamente; Estacas, 70, 50 e 320; Fornelos, 200, 256 e 1.280; Laxe, 113, 103 e 500; Traspielas, 59, 59 e 171).

    A época de maior demografía foi cara a 1910, con 3.047 habitantes, pero co desenvolvemento da industria en Vigo e o aumento da demanda de man de obra, e debido tamén á perda de importancia da agricultura, a poboación foi reducíndose e avellentándose.