Zonas de interese natural

Zonas de interese natural


No concello de Fornelos de Montes podemos atopar diferentes lugares cunha gran importancia natural e que se atopan protexidos a través de diferentes figuras normativas. Destaca a extensión que presenta a serra do Suído e que afecta a case dúas terceiras partes da parroquia de Laxe. Esta serra presenta un relevo suave aínda que chega a acadar os 1.000 metros de altitude. Forma así unha primeira barreira orográfica que fai que se recollan un gran volume de precipitacións procedentes do Atlántico. Nela podemos atopar unha serie de construcións robustas e feitas en granito chamadas chouzos ou chouzas, que servían para gardar o gando de pastoreo. De entre a fauna predomina a presenza coellos, perdices, lebres e lobos mentres que entre os de caza maior destacan os xabarís. Entre as especies vexetais dominan as do xénero “ulex”, “ericas” e “brezos”, alternándose con pequenos bosques de frondosas en zonas húmidas. A dificultade de acceder a esta zona do territorio, dada a escaseza de vías de comunicación, facilita a tranquilidade e supervivencia no seu hábitat natural da flora e fauna.


O Encoro de Eiras está protexido polas Normas Complementarias e Subsidiarias da Provincia de Pontevedra. Neste espazo podemos atopar unha importante colonia de árbores autóctonas como os carballos (Quercus robur), acebos (Ilex aquifolium), castiñeiros (Castanea sativa), loureiros (Laurus nobilis), sobreiras (Quercus suber) e algúns cerquiños (Quercus pyrenaica). Das especies animais destacan a presenza de falcóns (“Falco peregrinus”), que está en perigo de extención e que na actualidade se atopa protexido polo Real Decreto 4/89 e polas convencións de Berna e Bonn. Tamén destaca a presenza de merlos ribeiros, andoriñas dos penedos, tartarañas, aguias albelas, gabiáns, azores, furóns e gatos bravos, todos eles protexidos.

     O Río Tea ten as súas fontes no concello de Fornelos de Montes entre as parroquias de Ventín e Estacas. Atópase protexido baixo a figura de Espazo Natural e Réxime de Protección Xeral. As súas beiras podemos atopar vexetación autóctona e de ribeira ben conservada. Ao longo do seu curto percorrido por este concello desenvólvense bosques aluviais de amieiros (“Alnus glutinosa”) ou freixos de río (“Fraxinus excelsior”), aos que se incorporan as carballeiras con “Quercus robur” e “Quercus pirenaica”. Cara a parte alta do val que conforma a cabeceira deste río destaca a presenza de especies foráneas como os piñeiros e os eucaliptos. Entre a fauna máis destacada podemos atopar o rato de almiscre (“Galemys pyrenaicus”), a lontra (“Lutra lutra”), o gabilán (“Accipiter nisus”), o merlo rieiro (“Cinclus cinclus”), o ouriolo (“Oriolus oriolus”), a andoriña brava (“Riparia riparía”) ou a libélula (“Gomphus graslini”).

     Tamén podemos atopar outros dous espazos que se atopan protexidos baixos a normativa urbanística municipal como son a Fraga do Couñago, na aldea de Estacas e a Carballeira do Couso en Laxe. Ambos espazos destacan pola importante superficie ocupada polos carballos (“Quercus robur”), xunto con outras especies de frondosas, e que lle confiren un importante valor paisaxístico, ecolóxico e patrimonial.