solo

Solo
    
     A práctica totalidade do concello de Fornelos de Montes presenta un solo no que dominan os granitoides de dúas micas, material que presenta unha composición similar a do granito pero que se caracteriza pola súa fácil exfoliación en láminas delgadas e flexibles. Soamente existe unha pequena zona no Norte do concello dedicada a encoros, debido á presenza do encoro de Eiras neste punto. 


     O afloramento ao exterior en forma de batolitos (penedos), constitúe un elemento característico da paisaxe da zona. A existencia de numerosas fallas e diaclasas, así como o nivel elevado de precipitacións, condicionou o modelado do relevo.


     No que se refire aos usos do solo, Fornelos de Montes presenta unha ampla extensión dedicada a mato e pasteiros sobre rocha e que ocupa máis da metade da superficie do concello. Destaca a maior presenza deste uso nas zonas onde o terreo presenta as súas máximas elevacións e en zonas de pendentes, tal e como se pode apreciar por todo o centro e Leste do municipio así como nunha franxa central que atravesa este espazo de Norte a Sur e próxima ao Oeste. Ségueno en importancia a superficie ocupada por masas arbóreas mixtas (eucaliptos, piñeiros e frondosas), que se reparten ao longo de toda a superficie municipal pero que presentan a súa maior extensión na parte central e Oeste do concello nas parroquias de Vertín, Estacas, Fornelos de Montes e Calvos. Localízanse principalmente nas partes altas das ladeiras dos vales que conforman os distintos ríos e regatos que bañan este espazo. Os usos dedicados a mato e especies madeireiras tamén presentan especial relevancia, localizándose principalmente no Sur, nas parroquias de Traspielas e Ventín, así como no centro da parroquia de Estacas. No Norte a penas se atopa este tipo de uso agás unha pequena superficie entre as parroquias de Fornelos de Montes e Oitaven. A presenza de solos dedicados a prados en maioría e cultivos anuais tamén é destacable. Atópanse repartidos en pequenas superficies ao longo de todo o concello e no entorno dos núcleos de poboación, sendo máis frecuente a súa presenza e maior extensión nas parroquias do Oeste. As características do clima e do relevo no Leste fai que a presenza desta clase de uso sexa menos frecuente, reducíndose considerablemente a súa extensión nas parroquias de Laxe, Estacas e Ventín. Tamén se pode destacar a superficie que ocupan as especies autóctonas caducifolias, que unicamente se localizan no Oeste nunha franxa que atravesa o concello de Norte a Sur e que transcorre paralela ao río Barragán pola súa vertente Leste, constituíndo un espazo de importante valor paisaxístico e ecolóxico. Unha extensión inferior presenta a superficie dedicada a mato, que soe estar vinculada ou asociada a outras especies arbóreas. Menor importancia, no canto a extensión se refire, presentan outra clase de usos do solo como pode ser o dedicado a eucalipto e piñeiro, que se localizan nas parroquias de Calvos, Estacas e Ventín; o dedicado a mato-pasteiro, que se localiza en exclusividade no Oeste do municipio e coincidindo coas zonas máis chairas do mesmo, sendo a parroquia de Calvos a que presenta unha maior extensión, localizándose os outros puntos no Norte da parroquia de Fornelos de Montes e no Sur da de Traspielas; o dedicado a prados en maioría, cultivos anuais e viñedos que unicamente se localiza no Sur da parroquia de Traspielas; mentres que os prados en maioría, cultivos anuais e caducifolias presentan unha extensión moi reducida estando presentes só no Norte da parroquia de Ventín.