Rios e regatos

Ríos
    
     A rede hidrográfica está articulada en torno á cunca do río Oitavén, principal curso de auga que rega o concello polo Norte e ao que van verter as súas augas a meirande parte dos pequenos regos e regatos que atravesan o resto do territorio. O río entra no concello polo Norte, na parroquia de Fornelos de Montes, cunha dirección NL.-SO. para logo tomar unha dirección L.-O. Na maior parte do seu percorrido por este espazo serve de fronteira natural co concello de Ponte Caldelas, situado ao Norte. No seu treito localízase o Encoro de Eiras.


     Os principais afluentes do Oitavén son os ríos Barragán e Parada, ademais de outros pequenos cursos fluviais de menor importancia e que tamén verten as súas augas de maneira directa a el como poden ser o regueiro de Casero cunha dirección S.-NO., o rego de Porto das Vacas, S.-NO., ou o da Espadaneira cunha dirección S.-N., todos eles na parroquia de Fornelos de Montes.

     O río Barragán ten a súa cabeceira no Sur da parroquia da Traspielas. Neste punto o río leva unha dirección L.-O. para logo pegar un cambio circular de Sur a Norte ata a súa desembocadura no Oitavén, regando as terras do Sur e Leste do concello afectando principalmente á parroquia de Traspielas, aínda que tamén atravesa á de Oitaven polo Leste e á de Calvos polo Oeste. Ao longo do seu transcorrer por Traspielas, o río exerce de límite natural cos concellos de Mondariz polo Surleste e Pazos de Borbén polo Leste. A el van verter as augas outros cursos fluviais de menor importancia como son os regatos de Costeiras, de Porta Pielas ou o das Freixas, todos cunha dirección SL.-NO.-SO. froito das características orográficas. Polo Norte recibe as augas do rego das Arrouzas, na parroquia de Ventín, e que presenta unha dirección SO.-NL. Preto da súa desembocadura ao Norte, nas parroquias de Oitaven e Ventín, o río vese afectado pola presenza do encoro de Eiras, aumentando a súa anchura e profundidade debido o estancamento das augas.

     O río Parada ten a súa cabeceira no Leste do concello, ao pe da serra do Suído, na parroquia de Laxe. Neste punto recibe a auga, tanto polo Norte como polo Sur, de numerosos afluentes que teñen as súas fontes neste mesmo punto do territorio. De entre eles destacan os ríos Barbado, Val do Home e o regueiro das Ortigas, que verten as súas augas no Parada dende o Norte, mentres que polo Sur destacan o Río do Ceíño da Reixa, o Regueiro das Murallas e a Barranqueira de Fonte Uceira. O trazado que presenta ao longo do seu percorrido polo Norte do concello é bastante irregular, froito da característica do terreo mais, a nivel xeral, presenta unha dirección Leste-Oeste e que o leva a verter as súas augas ao río Oitaven na parroquia de Fornelos de Montes. O seu paso polo Norte da parroquia de Estacas, exerce de límite natural co concello de A Lama, recibindo as augas do Río Couñago polo Sur. Ao entrar na parroquia de Fornelos de Montes o río toma unha dirección SL.-NO. ata desembocar no Oitaven, na metade Norte da parroquia.

     En xeral, o concello amosa unha gran riqueza hidrolóxica coa existencia de numerosas fontes que conforman a cabeceira dos ríos regos e regatos, e que se espallan por todo o territorio. Os ríos máis importantes localízanse no Norte do municipio, presentando unha dirección Leste-Oeste, agás o río Barragán que se localiza no Oeste e presenta unha dirección Sur Norte. No resto do territorio a rede hidrográfica está composta por pequenos cursos fluviais e escaso caudal e lonxitude. 

      Pódese observar, segundo a trama hidrográfica que nos amosa o mapa, a existencia dunha liña de cumes que exerce de divisoria de augas e que se localiza no Sur do concello, cunha dirección SO.­NL., a partires da que a maior parte dos cursos fluviais leva unha dirección Norte e Leste, mentres que os ríos que presentan unha dirección Sur son moi escasos, localizándose a totalidade deles nas parroquias de Ventín e Traspielas.

     Destaca a complexidade da trama que esta rede presenta na parroquia de Laxe, onde a localización da mesma ao pé da serra do Suído e a altitude que presenta fai que afloren numerosas fontes de auga que acaban conformando cursos fluviais de pequeno tamaño que van desembocando uns noutros ata verter finalmente as súas augas ao río Parada, polo que presentan a maioría deles unha dirección Sur-Norte, a excepción dos pequenos cursos localizados ao NL. municipal e que presenta unha dirección N.-S. No Leste e no Sur do concello teñen as súas fontes a meirande parte cursos fluviais. A medida que nos imos achegando cara o Oeste o número de afluentes vai diminuíndo presentando unha dirección L.-O. aqueles que van verter as súas augas ao río Barragán.

      Se por algo destaca o concello de Fornelos de Montes é pola amplísima rede hidrográfica que cubre a meirande parte do seu territorio. A localización do concello preto da serra do Suído e a súa altitude no sector oriental fai que se localicen numerosas fontes que conforman a cabeceira dos diferentes cursos fluviais.