Arquitectónico

Patrimonio arquitectónico
 
     Cando nos referimos ao patrimonio debemos facer unha distinción segundo o tipo e ben que nos atopamos. Así dentro dun concello podemos atopar bens de patrimonio relixioso (capelas, igrexas, mosteiros, catedrais e santuarios), de patrimonio civil (casas grandes, pazos, faros, murallas, castelos, torres, pontes...), e de patrimonio popular (cruceiros, dolmens, pallozas, petos, xacementos, fontes, etc.).

Muiño da praia
No que se refire ao concello e Fornelos de Montes, as características físicas do concello foron un factor determinante na creación de patrimonio arquitectónico de tipo popular. A abundancia de cursos de auga favoreceu a creación de muíños de auga por todo o territorio. Destaca sobre todas a parroquia de Fornelos de Montes, onde se localizan ata nove destas edificacións, seguida da de Traspielas con seis. As parroquias de Laxe e Ventín son as que presentan un menor número de muíños con dous e un respectivamente. Así mesmo, co fin de salvar o paso dos ríos existentes, destaca tamén a presenza de pontes de pedra, de entre as que destacan a ponte de Laxe e a de Berducido, aínda que podemos atopar outras como a Ponte Grande, a de Portorrío ou a do Barbado. Sen embargo, o abandonos das mesmas e o paso do tempo fai que o seu estado de conservación non sexa o desexado. Outro dato que indica a importancia dos cursos fluviais na presenza de patrimonio arquitectónico é a existencia de máis de 30 fontes de auga e 15 lavadoiros repartidos por todo o concello.

No referido ás edificacións, destaca a existencia na parroquia de Fornelos de Montes de dúas casas grandes como son a de Marrán, en Vilán, e a dos Alemparte. O estado da primeira é aceptable, presentando unha planta con forma de L, destacando a balconada corrida no interior e unha notable cheminea. Pola contra, a casa dos Alemparte, que data do século XV, presenta un estado bastante malo de conservación, destacando no seu conxunto a gran balconada sobre pilastras rústicas orientada cara a solaina, que é o que se atopa mellor conservado de toda a edificación, así como a robusta escaleira e un arco nunha porta con forma semicircular e que contén un escudo de armas.


     Pero se algún tipo de patrimonio ten presenza e importancia dentro do termo municipal é o relixioso. En todo Fornelos atopamos sete igrexas, unha en cada parroquia, así como tres capelas, a de San Caetano en Estacas, a de San Amaro en Traspielas e a de Santa Cruz en Fornelos de Montes. Todas estes edificios relixiosos están en uso e presentan un bo estado de conservación á par que presentan unhas características singulares. De entre todos eles destaca a igrexa parroquial de San Lourenzo de Fornelos que data do século XVI.

     En conxunto, a parroquia de Fornelos de Montes é na que se acumula un maior número de patrimonio arquitectónico, froito do seu maior poboamento ao longo do tempo e que levou a unha maior construción de edificacións. Destaca a presenza de muíños de auga ao longo dos ríos Oitaven e Parada así como dúas casas grandes. Séguena en importancia as parroquias de Traspielas, na que se poden atopar ademais dos muíños, a igrexa parroquial e dúas capelas, e a de Laxe, na que se atopan de forma concentrada toda unha variedade de construcións de entre as que destacan as pontes de Laxe e do Couso, ademais da igrexa parroquial.

     Segundo o tipo de patrimonio, destaca a masiva presenza de inmóbeis vinculados á presenza de cursos fluviais, como son os muíños de auga, as fontes e os lavadoiros. Ségueno os edificios relixiosos, mentres que o resto do patrimonio civil, como son as casas grandes ou as pontes de pedra, teñen unha presenza mínima.