Vexetación

Vexetación

A superficie de bosque que presenta o concello de Fornelos de Montes está preto de acadar as tres hectáreas por habitante. Destaca a extensión que o monte desarborado presenta no concello, ocupando preto de dous terzos da súa superficie. A maior parte deste uso localízase por toda a metade oriental así como polo centro sur do concello. No resto da superficie atopamos todo un conxunto de especies que poden aparecer illadas ou mesturadas con outras Segue en extensión a superficie dedicada a plantacións de eucaliptos, aínda que unha distancia moi grande, e que se concentra na súa maior extensión na metade Leste da parroquia de Fornelos de Montes. 


     As masas de bosque mixto, composto por carballos, eucaliptos e frondosas atópanse dispersas en extensións moi pequenas por todo o concello, estando presentes, na súa maior parte, no centro da parroquia de Estacas formando unha liña que atravesa esta zona de Norte a Sur, no centro da de Ventín e entre o límite das parroquias de Calvos e Fornelos de Montes. Os bosques mixtos de piñeiro e eucalipto podémolos atopar en pequenas extensións espalladas polo Sur do concello, sobre todo na parroquia de Traspielas e en menor medida na de Ventín, parroquia na que atopamos a única superficie dedicada a piñeiros exclusivamente e que apenas presenta relevancia a nivel municipal.

     Os bosques de carballos tamén teñen unha presenza moi reducida localizándose nos estremos Leste e Oeste do concello nas vertentes orientadas ao Sur dos vales que conforman os cursos fluviais. Así, existe unha pequena extensión dedicada a carballo ao Leste do concello, no NO. da parroquia de Laxe, entorno ao val que conforma o río Parada. Tamén podemos atopar unha pequenas extensión de carballos no centro da parroquia de Estacas no val do río Couñago. As carballeiras máis extensas pódense atopar no Oeste do municipio no val que conforma o río Barragán, na parroquia de Traspielas, así como no Norte de Calvos no val do río Oitavén. Tamén podemos atopar algunha zona de especies mixtas de eucaliptos, piñeiros e carballos pero cunha extensión de escasa importancia, destacando unha pequena área existente no Oeste da parroquia de Traspielas e que se atopa asociada ás extensións de carballos.

     A vexetación de ribeira redúcese a pequenas áreas nos vales que conforman os ríos Parada e Oitaven cunha extensión moi reducida. A superficie dedicada a uso agrícola tamén se atopa repartida por todo o termo municipal. Localízanse en zonas de val onde a pendente do relevo non é moi forte, sendo esta superficie máis extensa nas parroquias do Oeste (Calvos, Traspielas, Fornelos de Montes e Oitavén) que nas do Leste, polo que se aprecia un descenso desta nesta mesma dirección.

     Con todo, a nivel xeral podemos observar como o 80% do territorio é ocupado por superficie forestal, mentres que preto do 18% está dedicado a cultivos de entre os que destacan os cultivos herbáceos cun 53% seguidos dos prados cun 45%, os viñedos e árbores froiteiras ocupan o resto do terreo de cultivo. O resto do territorio municipal está ocupado por servizos básicos (estradas, centros deportivos, culturais, etc.).