Relevo

Relevo

     O concello de Fornelos de Montes localízase nun espazo situado a medio camiño entre a ría de Vigo e a serra do Suido, atopándose ao pé desta na súa vertente suroccidental. Isto da como resultado que as máximas elevacións do concello se atopen na seu estremo máis oriental, producíndose unha gradación descendente do relevo cara o Oeste, caracterizándose neste punto pola presenza de vales fluviais así como da presa do encoro de Eiras. Así mesmo, na parte Sur podemos atopar o Coto de Eiras, outeiro no que se acadan os 900 m. de altitude.

     Os valores máis baixos rexístranse no estremo occidental do concello. Os vales que conforman os ríos Oitavén e Barragán son os que articulan esta parte do territorio, atopándose no entorno destes as cotas altimétricas máis baixas. Así, o río Oitavén rega a parroquia de Calvos polo Norte, lugar onde se atopan os puntos máis baixos de todo o concello. Cara a vertente Sur do val a altitude do terreo vai aumentando ata acadar preto dos 450 m. Máis cara o Leste e no centro Norte do municipio, na parroquia de Fornelos de Montes, o río Oitaven atravesa esta parroquia pola súa parte central, por onde se rexistra unha altitude entorno aos 250 metros. A altitude do relevo neste punto vai aumentando cara os seus rebordes conformando un val amplo, aberto e disimétrico, onde as maiores altitudes se atopan no Sur do mesmo. O val do río Barragán, que atravesa as parroquias de Traspielas e Oitaven polo seu Oeste, presenta neste caso unha dirección S.-N. ata desembocar no encoro de Eiras, sendo outro dos puntos máis baixos do concello cunha altitude que oscila entre os 250 e os 300 metros.


     A parte central do concello presenta unha altitude superior froito desa evolución ascendente do relevo cara o Leste, e onde se localizan as parroquias de Estacas e Ventín. Esta zona presenta unha liña de cumes cunha dirección NL.-SO. onde podemos atopar ao Sur o coto de Erbededa que acada os 897 m. Cara os rebordes desta liña de cumes o relevo comeza a descender cara o NO., ata chegar aos pes do val do Oitaven e do encoro de Eiras, e cara o SL. Ata entrar no concello de Mondariz.

     A parte Leste é a que presenta os valores máis elevados de todo o municipio, xa que se atopa aos pes da serra do Suido. Esta zona, na que se localiza a parroquia de Laxe, vai aumentando a súa elevación a medida que nos achegamos cara o seu estremo oriental, onde acada os valores máximos. Así a altitude chega a superar os 1.000 metros en determinados puntos, como é o caso dos 1.059 m. do Couto Minuto, os 1.055 do Pena Redonda ou os 1.007 do Outeiro Vello. Tamén destacan os 911 m. en Pena Aranda, e os 802 m. do Couto do Corno.