Patrimonio Etnográfico


Patrimonio etnográfico

     O patrimonio etnográfico comprende un conxunto de elementos, materiais e inmateriais, produto da actividade humana desenvolvida ao longo do tempo dentro do concello de Fornelos de Montes.

     A paisaxe do concello é semellante a de calquera espazo típico do rural de Galicia. A influencia relixiosa neste concello tamén deixou outros elementos patrimoniais como son as numerosas cruces de pedra e os petos de ánimas, que son frecuentes atopar na metade Leste do concello. As cruces de pedra, que se localizan nos cruces de camiños ou en lugares onde se produciu unha morte accidentada de algunha persoa. De entre todas, a máis destacada é o cruceiro de San Xosé de Laxe.


     Os petos de ánimas tamén se soen atopar en camiños e encrucilladas, e son unha das manifestacións materiais do culto aos mortos, da devoción polas ánimas. En Fornelos podemos atopar un total de 5 petos de ánimas, dous en Ventín e un en Fornelos, Estacas e Laxe.

     Na parroquia de Calvos atópase un forno panadeiro tradicional, que co paso do tempo e a conseguinte modernización da sociedade foi quedando en desuso. Asemade, tamén se pode atopar no concello outra serie de edificacións que completan o tipo de patrimonio existente como son pombais, alpendres, hórreos ou adegas.

     Outro tipo de patrimonio etnográfico que se recolle neste territorio son construcións vinculadas ao uso do monte. De entre elas destacas os chouzos e parideiras que se atopan no NL. do concello, ao pe da serra do Suido, así como os foxos de lobos. O chouzo é unha construción menor feita en pedra que daba cobizo aos pastores da serra ao longo do ano. As parideiras eran construcións en pedra facendo en forma de cercado e que servían para gardar o gando. Soen estar vinculadas aos chouzos. Os foxos de lobos son recintos moi elementais e primitivos destinados á cazo do lobo. Todas elas se atopan localizadas na parroquia de Laxe, nas súas partes máis elevadas que coinciden coas estribacións da serra do Suido.

     Entre os aspectos etnográficos non materiais débense destacar as festas e romarías que se celebran nas distintas parroquias, así como as peculiaridades culinarias. Non se realiza ningunha feira dentro do concello, tendo que acudir os veciños ás que se celebran en Ponte Caldelas, os días 5 e 20 de cada mes, e en Moscoso (Pazos de Borbén) os días 13 e 18 de cada mes.