Histórico / Arqueolóxico

Patrimonio histórico e arqueolóxico
 

As características do terreo que presenta o concello de Fornelos de Montes, xunto coas características climáticas, eríxense como un dos principais condicionantes para xustificar a escaseza de patrimonio histórico dentro deste territorio. Todos os tipos de bens que conforman a cultura material dun lugar é froito das accións humanas sobre o medio, constituíndo ao mesmo tempo o seu principal sinal de identidade.


     Podemos atopar dende mámoas, petróglifos e un sarcófago antropoide enclavado nunha rocha no lugar de Vilán, onde tamén se conservan os restos do castelo-fortaleza de Alemparte, ata xacementos castrexos como o do Monte da Cidade en Calvos, o de Castrove en Laxe ou o do Monte Castelo en Calvos.

     Os petróglifos de Cerdeiras, ao Norte da parroquia de Ventín, representan diversos gravados rupestres da Idade de Bronce. A mámoa de Borraxeiros, que se sitúa no límite das parroquias de laxe e San Bernabé da Graña do concello de O Covelo, é un túmulo megalítico de período Neolítico.

     Os restos da fortaleza de Alemparte teñen detrás un importante contido histórico. Xa no século XV a torre da fortaleza foi asolada polos irmandiños (1467) durante a segunda revolta. Esta mesma torre, quince anos máis tarde, foi cercada polo bispo de Tui e os seus cabaleiros sen que finalmente puidese ser tomada. O único que conseguiu apoderarse dela foi D. Pedro de Soutomaior. No 1893 os restos que quedaban da fortaleza foron desfeitos definitivamente.

     Destaca a conservación que presenta a chamada “Cidadela” do Monte da Cidade. Nela podemos atopar erguidos os restos das pequenas edificacións, feitas en granito. A maioría delas conservan erguida parte da súa estrutura externa, consistente nunha parede de pedra de granito, podendo adiviñarse algúns elementos como as portas de entrada ou detalles do interior das vivendas. As edificacións atópanse, en liñas xerais, agrupadas nun único núcleo agás no comezo da Cidadela onde as primeiras casas aparecen diseminadas respecto ás do resto. Bordeando a Cidadela atopamos un camiño cuberto con pedras de formas irregulares e que unha vez deixadas atrás as vivendas nos conduce cara un acueduto do último terzo do século XVIII e que se atopa en perfecto estado de conservación a pesares de atoparse colonizado polos restos da vexetación autóctona. A edificación está realizada en pedra e na súa parte central presenta un arco de tipo oxival, a través do que cruza o sendeiro, que ben puido servir antigamente como entrada á cidade.