Os Muíños

     Tal e como xa dixemos no apartado O noso patrimonio arquitectónico, existen tres tipos de bens patrimoniais no noso concello, dependendo do tipo de construcción da que estemos falando. Pola relevancia que toman dous destes tipos patrimoniais na vida cotián dos nosos veciños, neste apartado ímonos ocupar con algo máis de detalle do patrimonio civil e do patrimonio popular (sobre todo este último polos abundantes recursos de auga que  existían na demarcación e que favoreceron a construcción de muíños).

     Os Muiños

     O muíño é unha das mostras de arquitectura popular que máis abonda na paisaxe galega, favorecido pola rede fluvial que permitiu a utilización da forza da auga para a transformación de materias primas.

     Forma parte do conxunto de construccións dedicado á fabricación dun elemento básico da alimentación: o pan. Deste xeito o muíño tivo un evidente valor no plano económico pero ademais, xogou un importante papel nas relacións sociais da Galicia

     Existen varios tipos de muiños entre os que destacamos tres principais: MANUAIS, HIDRÁULICOS e de VENTO.

     Dentro do noso concello, como xa dixemos, debido a orografía do terreo e a abundancia de recursos fluviais (todos sabemos que Fornelos de Montes foi e segue sendo un dos concellos de España onde se rexistran as tasas máis altas de pluviosidade), prácticamente empregouse un tipo de muiño do que lles imos falar máis polo miudo: o muiño HIDRÁULICO.

O MUIÑO HIDRÁULICO

       Durante séculos para levar a cabo actividades da vida cotiá como a moenda, o home apenas contou con outro tipo de enerxía que non fose a súa propia forza. Co tempo foi deseñando artellos que lle facilitasen o traballo. Un deles foi o muíño hidráulico, que supuxo a substitución da forza humana pola da auga como fonte de enerxía para a producción da fariña.

     Dentro da categoría de Muiños hidráulicos temos dous tipos: Muiños de marea e Muiños de Río. Nin que decir ten que en Fornelos de Montes únicamente existían e existen os Muiños de río xa que ous outros estaban instalados en rias, enseadas e esteiros e funcionaban coa subida e baixada das mareas.

     Os MUIÑOS HIDRÁULICOS DE RÍO non aparecen en Galicia ata a Idade Media, aproximadamente nos séculos XI e XII, aínda que xa eran coñecidos no século I como demostran algúns textos desta época. Non tódolos muíños de río son iguais xa que poden variar dependendo do "tipo de roda" que teña, da edificación ou do xeito en que a auga chegue ó muíño.

     As partes principais do muiño tipo do concello de Fornelos de Montes son as seguintes:

     Presa, guía ou ceña: emprégase cando o muíño non se atopa no álveo natural do río e serve para leva-la auga ata el. É unha parede construída con pedras grandes ás veces para un só muíño e outras para varios.
    
     Gavada, gavia, levada ou loada: rego feito na terra para conduci-la auga dende a presa ata o muíño. O seu ancho e profundidade varían en función do caudal que debe discorrer por el. En algúns casos esa levada pode ser de pedra e ir en altura (xa dixemos que a orografia do terreo e a situación do edificio son elementos a ter en conta) como no caso do muíño de Calvos, o muíño de O Ceo ou o muiño de Traspielas.

     Canle: peza imprescindible dos muíños do mesmo nome. Ata o século pasado empregábase a madeira na súa construcción pasando dende entón a utilizar lousas de pedra, unha na base e dúas formando as paredes laterais. Serve para aumenta-la presión da auga cando o caudal é pequeno. É un depósito vertical onde se almacena a auga que vén da " gavia ou levada". Entra a unha altura determinada, ben ó nivel do terreo ben sobre a canle. Remata nunha peza especial chamada billote ou bofetón, que é un burato en madeira ou granito que se pode abrir ou pechar dende o interior. É o lugar por onde sae a auga que fai xira-la roda.

     Edificio do muíño: serve para acubilla-los mecanismos de trituración do gran. Sitúase un pouco por riba do nivel do río. O seu grandor varía segundo as pezas de moer que acolla (poden ser ata cinco) e se o muíño funciona como vivenda ou non. Son unhas construccións normalmente de forma cadrada ou rectangular con muros de cachotería de granito ou xisto sen ningún tipo de revestimento. A cuberta, que pode ser de colmo, xisto ou tella, constrúese sobre unha armazón de madeira que pode ser, segundo o grandor do muíño, a unha, unha e media, dúas, tres ou catro augas. No encontro co muro pode haber capias ou topetes de granito.

     Embutida no muro e xunto á porta soe haber unha peza de granito chamada pousadoiro que sobresae uns 30 ou 50 cm. e que servía para pousar nela o saquete de gran. No seu interior, e de abaixo arriba, podemos diferencia-los seguintes elementos mecánicos:

     a) INFERNO: cavidade que acubilla o rodicio. Está formado por dúas paredes laterais, unha delas cun pequeno oco para o billote e a parte frontal, chamada sartén. Nesta hai outro oco (ou ocos) que serve para dar saída á auga despois de move-lo rodicio.

     b) TREMIÑADO: situado enriba do inferno, é o espacio onde se leva a cabo a moenda. A súa planta divídese en dúas partes: unha co piso de madeira, de pedra ou terreo, e outra que leva unhas grosas pedras de gran que salvan a distancia que hai entre os muros laterais do inferno e soportan o peso do e da moa.

     c) RODA: é o elemento que pon en movemento a peza de moer. Pode ser horizontal ou vertical; no primeiro caso chámase rodicio, e no segundo, bruia.

     O rodicio é a propia dos muíños do mesmo nome. Polo xeral é de madeira ou de ferro, cunha serie de aspas en forma de culler e dispostas radialmente chamadas penas. Estas ó recibi-la presión da auga procedente da canle ou cubo, segundo os casos, pona en movemento. Un eixe transmite este movemento ó mecanismo de trituración, a peza de moer.

     A bruia tamén dá nome ós muíños que a empregan. De maiores dimensións que a anterior e fixada a un eixe horizontal que fai chega-lo seu movemento á peza de moer a través dunha engrenaxe que transforma a rotación vertical da roda nunha rotación horizontal.

     d) PEZA DE MOER: situada no interior do edificio, componse de varias partes:

     A moega é unha caixa de madeira en forma de pirámide invertida.Está aberta pola parte superior para poder bota-lo gran, e pola inferior, para que os cereais caian nunha canle, tamén de madeira, chamada quenlla ou adella.
    
     A quenlla regula a caída dos cereais e o dirixe cara ó ollo da moa, situado no seu centro. Por el o cereal métese entre a moa e o pé.

     e) : é unha peza de pedra de forma circular, fixa, moi sólida, sobre a que se coloca a moa, tamén de pedra, pero de menor tamaño e móbil. Ó xirar desfai o gran contra o pé. Das xuntas da moa e do pé sae a fariña que vai caer nun lugar chamado farneiro. Segundo o gran, as pezas de moer son de distinta calidade e reciben distintos nomes: as albeiras, para moe-lo trigo e o centeo; e as do país ou pedra mourenza, para o millo.

COMO FUNCIONA O MUIÑO HIDRÁULICO DE RIO

     A auga procedente da canle bate contra o rodicio, que se pon en movemento. Este movemento transmítese a través do eixe á peza de moer. O gran, colocado na moega, vai caendo no ollo da moa a través da quenlla. A moa xira e esmiúza o gran contra o pé.