Banda de Gaitas


      En xaneiro de 1990 comezan, no colexio público Dr. Suárez de Fornelos de Montes, as clases de gaita promovidas polo propio Concello e a dirección do centro. Na primeira clase interveñen 47 alumnos cunha media de idade de 9 anos e sen ningún tipo de coñecementos previos. En outubro do ano 92, ao acadar certo nivel de aprendizaxe, os alumnos de gaita comezan as clases de percusión coa idea de formar unha banda de gaitas. Dende os seus comezos, as clases foron impartidas por Hipólito Cabezas.

     No ano 1.994, a pesar de que aínda non está formada a banda como tal, entra a formar parte da Asociación Galega de Bandas de Gaitas e da Asociación de Bandas de Gaitas e Percusión da provincia de Pontevedra, sendo unha das bandas fundadoras.

     A partir do ano 96 é cando podemos dicir que a Banda comeza a funcionar xa cunha escola detrás, e dunha forma completa, actuando nas galas especiais da TVG "Premios Gastronómicos de Galicia" (anos 1.996 é 1.998) e "Fin de ano"(1.996), e entrando na "Liga Galega de Bandas de Gaitas", onde acada os seguintes resultados:

Ano 1.996/1.997: 4ª categoría

     Acada en todas as fases a maior puntuación nesta categoría entre 42 bandas de toda Galicia, conseguindo así o ascenso.

Ano 1997/1998: 3ª categoría

     Volve a conseguir o ascenso ao quedar na cuarta posición.

Ano 1998/1999: 2ª categoría

     Consegue o terceiro premio e ascende por terceiro ano consecutivo, esta vez á máxima categoría.

Ano 1999/2000: 1ª categoría

     Cunha media de idade duns 12 anos é a banda máis nova da categoría e acada a 13ª posición xeral, así como a 2ª posición na clasificación provincial nunha liga onde participan actualmente 142 bandas de gaitas.

     Despois dun tempo de descanso e renovación, en xullo de 2003 a Banda volve á liga só na derradeira fase e no 3º grao, como preparación para a liga 2003-2004. Nesta fase acada o 1º posto e o premio á mellor percusión.

Ano 2003/2004: 3ª categoría

      Consegue a segunda posición e ascende

Ano 2004/2005: 2ª categoría

     Acada en todas as fases a máxima puntuación, conseguindo o primeiro premio e ascendendo a primeira categoría

Ano 2005/2006: 1ª categoría

     A banda acada o seu propósito de situarse entre os 10 primeiros ocupando a sétima posición, volvendo a ser a banda máis nova de dita categoría Nese mesmo ano a banda decide retirarse da liga, pero sen cesar no seu traballo, logrando promover novas iniciativas na súa comarca como festivais folcks e benéficos e realizando actuacións por toda Galicia.

     Na actualidade a maioría dos membros a súa vez, forman parte da Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra, coa que realizan actuacións importantes en diversos lugares de Galicia e de todo o mundo como na praza do Duomo (Milán), no parque Fundidora (Monterrey, México) e recentemente en diversos auditorios de Xenebra ( Suíza) Neste ano a banda está celebrando o XX aniversario da súa formación, consolidándose como unha das bandas mais antigas da comarca e provincia, e gozando dun grandísimo nivel.

     Cumpriuse xa o XX aniversario da creación da Banda de Gaitas de Fornelos de Montes e agradecémoslle a nosa veciña Verónica Cristóbal que nos recordase este dato enviándonos ademáis unhas imaxes que a continuación mostramos